O 29 de novembro de 2008 celebrouse no Recinto Feiral Expocoruña a primeira edición do
Festival “Arte+Parte”.
Este Festival, organizado entre a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá e IFECO Expocoruña, e que contou coa colaboración económica, entre outros, de Begano S.A., ITC Grupo e Gadisa, pretendeu ser unha pedra de toque sobre o papel secundario e estereotipado que as mulleres adoitan representar, ou que se adoita representar interesadamente da muller no seu conxunto, no mundo das diferentes disciplinas artísticas, nomeadamente na música e nas producións audiovisuais.
Como continuidade ao traballo de compilación, exposición e debate que a Concellaría viña xa desenvolvendo desde o Proxecto Exposición
“DESENFOCADAS: Imaxe feminina nas revistas dirixidas a rapazas novas”, organizada arredor da celebración do 8 de marzo "Día Internacional das Mulleres" na súa edición de 2008, e que forma parte do catálogo de obradoiros-exposicións que o Concello da Coruña oferta aos centros educativos da nosa cidade, este Festival sitouse no punto intermedio entre a denuncia dunha situación de desamparo e desigualdade na que se atopan as mulleres desde moi novas á hora de encamiñarse cara ao mundo das artes, convertidas en meros obxectos de visualización e desfrute masculinos, nomeadamente nos aspectos que máis inciden na sexualización, como son o “Lolitismo” ou trunfo da imaxe adolescente como o único ideal de beleza feminino, os movementos “sexis”, o vestiario provocativo, o vocabulario reducido a un mar de tópicos, a mitificación da beleza máis externa, a “cousificación”....., e a reivindicación do seu auténtico valor como artistas e como mulleres que deben salvar todos estes obstáculos antes de podérmonos achegar á súa arte e captala na súa exacta dimensión, con criterios puramente artísticos.
Naquela data, e ao longo de toda unha xornada, as coruñesas e coruñeses que se achegaron ata Expocoruña puideron coñecer, directamente, sen os filtros habituais, a obra artística de mulleres que se desenvolven en disciplinas como o cine, a danza e o teatro, e, sobre todo, a música e o espectáculo.
Para iso, contouse con artistas tanto locais e/ou galegas ( Carmen Rei, Nadadora e Margarida Ledo ) como estatais ( Dorian, Souvenir ) e internacionais ( Emma Pollock, Lucky Soul e Dead Pixels ).
Un dos valores engadidos que tivo este Festival foi, ademais do anteriormente dito, a posibilidade dos asistentes de achegarse directamente, sen intermediarios, ás artistas a través dos encontros co público, unha constante ao longo de todo o Festival e que forman parte xa da “marca propia” deste evento.
A segunda ediciónA valoración global realizada desde esta Concellaría do que supuxo esta primeira edición do Festival Mulleres: arte+parte foi moi positiva, non tanto pola afluencia total ao evento, que se aproximou en toda a xornada ás dúas mil persoas, todo un record para unha actividade de reivindicación feminina e igualitaria celebrada en ningún tempo na nosa cidade da Coruña, se non pola enorme transcendencia mediática do mesmo, o cal xenerou unha publicidade non prevista, tanto en medios escritos como a través de internet, valorada pola empresa “Cultura de Comunicación”, experta no sector, en máis de 40.000 euros.
Tendo en conta estes precedentes, a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá dá continuidade ao proxecto, con idea de melloralo e darlle máis transcendencia pública, en canto á xustificada e necesaria pretensión de visualizar e visibilizar o papel protagonista feminino, en iguais termos ao masculino, no cualitativo, xa que non no cuantitativo, coa segunda edición do Festival Mulleres, que desta vez leva por título arte+parte=2.
A principal novidade desta cita será a realización do mesmo en dúas xornadas diferenciadas.
Na primeira delas, a celebrar o venres 30 de outubro, o Festival centrarase únicamente na parte musical do mesmo, ofertando unha coidada selección de artistas, unha local ou galega, unha estatal e unha internacional, que supoñan un atractivo por si mesmas. Artistas que se poderían escoitar en calquera festival musical dos que se desenvolven no Estado.
O día seguinte, sábado 31 de outubro, sen custo algún para quen queira acudir, estará adicado ás diversas disciplinas artísticas presentes nesta edición.
Efectivamente, ás disciplinas do cine e da danza e teatro, xa presentes na primeira edición, súmanse este ano a pintura, a partir dunha homenaxe aos logros científicos nos campos da física, química e astronomía que protagonizaron mulleres do século XIX, reivíndicase o papel da muller nalgúns dos máis salientables descubrimentos científicos de hai dous séculos, a fotografía, da man dunha profesional nativa da nosa cidade, as jam sessions, a través de perto dunha decena de actuacións musicais breves e moi diversas tanto en estilos coma en intérpretes, a presencia de empresas, asociacións e colectivos vencellados á creación artística e ao “feminino” presentes na Coruña, a radiodifusión, os obradoiros de grafittis, a promoción dos grupos musicais locais, con preferencia polos que contan con intérpretes femininas, e as mesas de debate e encontro co público, que nesta edición centraranse en aspectos como a muller e o deporte, a ciencia, o espectáculo e a industria.
Xa vos irempos adiantando cousas nos próximos días!!!!!!
Prometemos grandes novidades.