• Dúas mozas galegas, a grafiteira Nada e a ilustradora Emma Ríos, debuxante de Marvel Comics, serán as responsables das actividades máis participativas do festival cultural co-organizado pola Concellería de Igualdade e Participación Cidadá e EXPOCoruña
• O 31 de outubro as mulleres tamén serán protagonista, diante e detrás da cámara, na sección de cine documental, a través de temas tan diversos e vixentes como a memoria histórica, o deporte ou a cooperación internacional
A Coruña, 9 de outubro de 2009. Mulleres Arte+ Parte=2, segunda edición do festival cultural co-organizado pola Concellería de Igualdade e Participación Cidadá e EXPOCoruña e que terá lugar os días 30 e 31 de outubro, ven de abrir o prazo de inscricións, sen custo adicional, para os dous obradoiros que terán lugar na tarde do 31 en info@expocoruna.com (reserva de prazas). En paralelo, desenvolverase a programación documental do festival que, cunha ampla proposta en torno ás achegas artísticas femininas, ofrece actividades para todos os públicos.
Os obradoiros serán impartidos por dúas mozas galegas que están a destacar en mundos – o cómic e o graffitti–, nos que habitualmente hai unha moi escasa participación feminina. Emma Ríos é unha nova artista coruñesa que actualmente traballa para Marvel Comics, actualizando a personaxe do Doutor Estraño. No seu obradoiro – conferencia relatará a súa experiencia no mercado americano, e a súa visión sobre o universo do cómic realizado nos EE.UU: “ O cómic e unha linguaxe máis, como o cine ou a literatura; non ten xénero e eu, dende logo, non teño sentido ningún tipo de discriminación nin como fan nin no meu traballo. Síntome máis ben privilexiada de poder traballar con guionistas que admiro dende os 15 anos”
No obradoiro de graffitti, a artista NADA (Iria Fafián Alonso) realizará en directo unha obra, que se suma á que realizou durante a presentación do festival. mentres desenvolve un obradoiro no que os asistentes poderán facer a súa obra – mural: “Queremos invitar ao público a participar, saiba ou non de graffitti ou mesmo de debuxo, é unha oportunidade de probalo por un mesmo que se presenta moi poucas veces”.
CINE DOCUMENTAL NO AUDITORIO DE EXPOCORUÑA:
A tarde do día 31 tamén ofrece unha sesión de cine documental que, cunha mirada feminina –3 historias dirixidas ou protagonizadas por mulleres- tratará temas de máxima actualidade, como a memoria histórica ou a cooperación internacional, ofrecendo a posibilidade de descubrir novas historias, como a de Irene, a porteira, coruñesa pioneira no deporte.
• Plan Rosebud 2: Convocando ás pantasmas de Maria Ruído. «Non hai un documento de cultura que non o sexa tamén da barbarie»; está breve frase de Walter Benjamin foi a inspiración do equipo de Rosebud, como sinala a súa directora, María Ruído: “Viviamos daquela a conmemoración do Ano da Memoria e a efervescencia do debate sobre a coñecida popularmente como Lei de memoria histórica… e asistiamos a múltiples (e moi merecidas) homenaxes ás vítimas que o terrorismo de Estado franquista deixara en cárceres e gabias”.
• Irene, a porteira de Óscar Losada. Estreado no programa Onda Curta da TVG, este documental conta a historia dunha muller que entre os anos 20 e 30 destacou na Coruña por ser porteira de fútbol en equipos masculinos, e que mesmo chegou a ter un de seu: o Irene F.C. Óscar Losada funde a súa faceta de xornalista coa de director para reconstruír unha historia da que apenas quedan documentos gráficos ou escritos, a través dos testemuños de persoas moi vinculadas ao deporte, como o ex- porteiro do Deportivo Rodrigo Vizoso, o historiador Xosé Enrique Acuña ou a xornalista e ex- futbolista Lis Franco.
• Proxecto Malawi de Liló Producións. "Cambiar unha cómoda vida en Galicia pola cooperación nun país afastado, con costumes ben distintos e con centos de problemas que solucionar... pero tamén con centos de cousas que aprender, que descubrir e que vivir. Foi a elección de Xabi e de Nacho, eles descóbrennos Malawi, un espectacular país onde traballan, onde viven e onde conviven” sinalan Isabel Caamaño e Marcos Cenamor, realizadores deste documental. Un percorrido no que a malaria, a SIDA, a malnutrición ou o problema dos negros albinos son algúns dos protagonistas, pero tamén a fauna das nove reservas naturais, as súas posibilidades turísticas, a amabilidade das xentes ou as tradicións ancestrais deste pais.
SOBRE MULLERES ARTE+ PARTE
Mulleres Arte + Parte=2 pretende ser unha pedra de toque sobre o papel secundario e estereotipado que as mulleres adoitan representar no mundo das diferentes disciplinas artísticas, nomeadamente na música e no audiovisual. Así, esta edición sigue a liña da primeira na que disciplinas como a música, o cine ou o teatro, que foron os eixes dun evento no que a muller era o único protagonista e no que participaron artistas como Dorian, Nadadora, Emma Pollock, Margarida Ledo ou Lucky Soul.
ENTRADAS:
Venres 30 de outubro: Concerto de Fangoria e concertos día 31 -15 € anticipada /18 € billeteira
Sábado 31 de outubro: Concertos- 5 € / Actividades diúrnas - acceso GRATUITO
Puntos de venda: A Coruña: Fnac / Discos Portobello. Santiago de Compostela: Disco Precio
No hay comentarios:
Publicar un comentario