Concurso IGUAIS


Non se pode entender a nosa sociedade actual, ou polo menos chegar a abarcala e comprendela, sen o estudo da súa publicidade. Ben sexa polo afán desta por reflectir, coma se dun espello se tratase, as transformacións sociais máis actuais, ben sexa porque a propia publicidade xenera dinámicas socioculturais, ou polo menos a iso aspira por necesidade e definición, o certo é que resulta xa un soporte recorrente á hora de amosarnos, non sen certo compoñente humorístico, os cambios operados en nós mesmos como colectivo nos últimos anos. Efectivamente, de realizarmos unha aproximación comparada á publicidade actual, en todos os seus formatos posibles, e á de vinte anos atrás, comprobaríamos ata que punto pode esta retratar con simpleza, as maís das veces propositada, as transformacións sociais máis complexas así como os cambios operados en nós nos diferentes hábitos diarios.

Indo ao terreo que nos ocupa, que é o da igualdade entre homes e mulleres, da mesma forma en que a publicidade reflicte en moitísimas ocasións unha igualdade que existe, de certo, en tanto existe un corpus lexislativo que a consagra e en tanto houbo un cambio recente nos costumes que conduce cara a consecución deste obxectivo social común, tamén resulta en máis dunha ocasión un vehículo de perpetuación e transmisión de roles e estereotipos desigualitarios, cando non discriminatorios, que axudan, e de que forma, a perpetualos no tempo e a dotar de argumentarios de conciencia a aquelas persoas que non cren nesa igualdade nin na súa necesidade.

Con este Concurso de publicidade antisexista “IGUAIS” que convoca a nosa Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña pretendemos reflexionar sobre os códigos da publicidade gráfica actual, a que resulta desde logo máis vistosa e, posiblemente, influínte, á vez que achegar unha outra posible visión desta desde códigos igualitarios sen que se perda, en ningún momento, o seu carácter promocional e de difusión tanto de produtos como de ideas e necesidades.

A tal fin, a terceira edición do festival arte+parte ofertará unha selección dos mellores traballos presentados a este concurso. Ao mesmo tempo, será nese marco onde se dará a coñecer o traballo gañador e os dous posibles accésits. En poucos días estaremos en disposición de adiantarvos máis información sobre este evento.